As persoas que levamos varias décadas no ensino, percibimos que este só actúa como elevador social en casos puntuais, e que o alumnado procedente de familias con menos recursos ten máis probabilidade de saír prematuramente do sistema, ou de acabar cunha cualificación profesional moi inferior ás súas posibilidades. Con todo, este mal endémico non fixo mudar o método de maneira substancial nos últimos dous séculos: deséñase un currículo, escóllese un libro de texto (ou uns apuntamentos) común para todo o mundo, e o alumnado que non teña especiais dificultades —ou que dispoña dunha familia que o poida apoiar no día a día— terá máis probabilidades de avanzar que o resto.
Fronte a iso, deberiamos defender unha metodoloxía baseada no deseño universal de aprendizaxe (DUA), que certifique crear ambientes flexíbeis atendendo as diversas necesidades de todo o alumnado. Baséase na equidade e na accesibilidade, e promove o uso de múltiplas formas de representación para maximizar o proceso de ensino-aprendizaxe co obxectivo final de eliminar barreiras e de proporcionar oportunidades de éxito para todo o alumnado realizando unha aprendizaxe significativa.
O DUA non é simple retórica, senón que se pode implementar mediante metodoloxías activas que levan décadas a ser aplicadas, como a aprendizaxe baseada en retos, en proxectos, a aula invertida ou a aprendizaxe cooperativa, e que poden ser utilizadas en todas as fases, non só no infantil e no primario. De feito, neste mesmo curso traballamos a Historia da Música e da Danza de 2.º de bacharelato —incluíndo a preparación para a proba das ABAU— mediante a aula invertida con bos resultados, en opinión do alumnado participante mostrada nun cuestionario anónimo.
As vantaxes do E-Dixgal non residen en substituír un formato por outro, senón en dotar todo o alumnado dun computador —algo fundamental para evitarmos a inmensa fenda dixital que se está a crear— e en podermos combinar distintas ferramentas (libros, vídeos, mapas interactivos, xogos…) para elaborar un proxecto onde alumnado con diversas necesidades poida avanzar na consecución dos seus obxectivos. Cómpre continuarmos a traballar con papel, mais non existe o libro que resolva todos os problemas descritos e temos que ter unha actitude activa na selección de materiais que axude a estimular todo o alumnado, sen excepción, para evitar a súa desconexión. Por que utilizar un só libro se os podemos ter todos nunha aula virtual?
Se continuamos a facer as cousas igual, teremos os mesmos resultados. E, se todos os oficios están a mudar por melloras que nos ofrecen as novas tecnoloxías, pecharse a aplicalas non parece a solución máis razoábel.